Saturday 20 de April de 2024

A Coruña acollerá do 10 ao 12 de novembro as xornadas Memoria Democrática A Debate


Baixo o título ‘Transición. Dentro e fóra da ditadura’ recoñecidos expertos abordarán o paso do réxime franquista á democracia en tres mesas redondas e debates posteriores

A Coruña acollerá a vindeira semana as segundas xornadas de conferencias Memoria Democrática A Debate organizadas polo Concello en colaboración coa UNED. Tras o éxito do ciclo celebrado no 2020, este ano o tema a debater será ‘Transición. Dentro e fóra da ditadura’.

Estas xornadas abordarán o proceso de como foi posible converter a ditadura máis duradeirade Europa tras a Segunda Guerra Mundial nunha democracia homologable cos países e contextos do seu entorno. Trátase dunha actividade de carácter mixta, presencial e online, na que participa activamente a Concellería de Educación e Memoria Democrática que dirixe Jesús Celemín, e reunirá a expertos de recoñecido prestixio xunto a testemuñas da época.

A súa finalidade é debater e xerar coñecemento sobre esa parte tan relevante da historiacontemporánea do país, tendo en conta a gran complexidade do momento. Entre os días 10 e 12 de novembro celebraranse no Centro Ágora tres mesas redondas e debates posteriores abertos á cidadanía, tanto de xeito presencial como dixital a través do seguimento en liña en directo e diferido.

A coordinación académica do ciclo e a moderación das conferencias corre a cargo de Emilio Grandío Seoane, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela. A dirección académica correspóndelle a Abdón Mateos López, catedrático de Historia Contemporánea da UNED.

A primeira das xornadas, a do mércores 10 de novembro, celebrarase de 17.30 a 21.00 horas e titúlase ‘Relatos dun tempo incerto. Testemuñas sobre a transición’ e contará coa participación de Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada e ex-presidente da Xunta de Galicia, o editor e profesor Gonzalo Vázquez Pozo e o secretario xeral de CCOO de Galicia entre 1989 e 2000, Suso Díaz.

O xoves, co mesmo horario e no mesmo emprazamento, desenvolverase o coloquio ‘Construíndo democracia desde as marxes do sistema’, que contará con Emilio Gardío Seoane, Abdón Mateos López e o catedrático de Historia Contemporánea da Universidad de Zaragoza, Alberto Sabo Alcutén. O ciclo rematará o venres, tamén de 17.30 a 21.00 horas, coa conferencia ‘A Transición desde dentro do réxime’. Os tres invitados a este derradeiro acto serán Gutmaro Gómez Bravo, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade Complutense de Madrid; Carme Molinero Ruiz, catedrática de Historia Contemporánea da Universidade Autónoma de Barcelona; e Julio Ponce Alberca, profesor titular de Historia Contemporánea na Universidade de Sevilla.